top of page

As costureiras

Costureira Nati Foto PCoucheiro.jpg

Natividad Agra Vázquez

“Aprendín a coser cunha veciña costureira, cando deixei o colexio. Despois miña abuela comproume a máquinae fun eu profesora de dúas rapazas. Unha aprendeu, pero outra marchou, era a época da emigración. Aos 23 anos caseime e marchamos, ata o fin de España, a Zaragoza. Despois da guerra non había fío, nin botóns, nin había nada. Por iso marchei, para atopar un sitio onde se puidera seguir cosendo. Daquela nin se cobraba polo feito, non había roupa. [...] E despois traballei no primeiro taller da Coruña de Amancio Ortega, alí ao lado comprei o meu piso, no seu primeiro pequeno taller.”

Copia de Oliva (42).jpg

María Oliva Blanco Mourelle

“Empecei a aprender aos trece anos, iamos de porta en porta coa máquina na cabeza, gustábame coser e gústame. Na miña casa non sabían coser, pero aprendéronme para que lles arranxara a eles e lles puidera facer algunha cousa. O que me dicía meu pai era que tiña que aprender a remendarlles a roupa, aínda que non fixera para fóra. Despois fun a un taller e logo fun eu soa polas portas e acabei cosendo aquí na casa. Eu de todas as pezas quedaba encantada e non cortaba por patrón, eu tiña as medidas na cabeza”.

Copia de Inés (27).jpg

Inés Buján Iglesias

“A unha costureira que andaba polas portas chamábana, máis ben, remendona. Era moi escravo, coller a máquina na cabeza e marchar ata o Cibreiro, ata as aldeas do arredor. Iamos facendo o que se podía, cousas así da casa, camisas, corpiños…daquela facíase case todo na casa.A máquina trouxéraa meu pai de Cuba, e viña cun pé e enteira. Arregláronma uns doutra casa de Outeiro e trouxéronma de man, e aínda a conservo esa

de darlle a manivela”.

Copia de Costureira Irlanda Foto PCouche

Irlanda Cabana Carballo

“Non había máis ca unha máquina ao principio, unha tiraba para un lado e a outra para o outro… Eu non minto eh! Jajaja… Ela comezaba a dar voltas pola casa e collía aos novos, e eu collía aos maiores… Jajaja… Sempre nos entendimos ben (fala de súa prima Lourdes). Eu despois seguín cosendo. Só parei, sabes cando? Cando viñen para esta casa ao principio e aínda non chegaba a electricidad. Tiven que parar a forza. Se non é por esa razón, non parei nunca!”

DSC_0784.jpg

Carmen Cabana López

“Comecei con dezaseis anos, polas casas. Cosín sempre, ata os 65. E traballei de labradora, e traballei de todo. Tiña un taller aquí na casa. E era así, así eramos todas. Nos cincuenta e tanto había que aproveitar co que tiñamos. Tiña sempre dúas rapazas comigo e moitos encargos, para moitas partes, cara Taboada, Amoexa, Verín, Antas de Ulla, Os Carreiros, Suar, Aboi, Monterroso… Viña aquí moita xente. Cosín en case todas as casas”.

Copia de Primitiva (39).png

Primitiva Cabanas García

“Comecei a coser con trece anos cunha señora que ía polas portas,  coa máquina de coser na cabeza, iso era moito traballo. Logo fun para un taller a Palas. Alí estiven un pouco e xa non seguín, as circunstancias non me deixaron, emigrei e deixei a costura. Cando volvíamos, algo tiñamos que poñer e, como eu coso, puxemos Narpri Comercial. Con algo así necesitas facer moitos arreglos e modistas non hai moitas e, entón, retomei a costura e levo trinta e dous anos, diante da máquina, a primeira que tiven e que teño, que nunca cambiei, compráraa meu papá. Estou moi contenta aquí cos meus clientes, é como se foran familia e quéroos moitísimo”.

Copia de Costureira Cruz II Foto PCoucheiro.jpg

María Cruz Díaz Molina

“Meu pai era xastre. Eu tiven a costura dende pequena. El nunca deixou de coser. De feito, perdeu a memoria algo, pero sempre coseu. Eu empecei a subrilar con el, facía os traxes e había que subrilar os cuellos. E gustábame. Seguín aprendendo, pero non era fácil aprender a cortar. E eu quería. Sempre recordarei cando a primeira veciña veu e me dixo que lle fixera un vestido, que confiaba en min. Sempre me acordarei. Logo xuntámonos unhas doce e montamos a cooperativa en Monterroso. Era a época na que empezaba tamén Inditex. Acordamos todo xuntas, puxemos todas o mesmo para abrila e nunca nos separamos. Cando unha de nós se quixo marchar, xa a desfixemos.”

Copia de Retrato Isabel.jpg

Isabel España Varela

“Con quince anos acabei o colexio en Palas e foi cando empecei a coser con Celia, a costureira de Santo Xusto. Foi miña abuela falar con ela a ver se me collía para enseñarme. Coma min había outras aprendices. Ao principio dábanos un trozo de tela para aprender a subrilar, e despois nesa misma tela facíamos ojales. Ao pasar un tempo, cando ela cortaba a roupa marcába cunha tiza e nós por esa marca tiñamos que pasar uns fíos para poder hilvanar.”

Copia de Costureira Lourdes Foto PCoucheiro.jpg

Lourdes Fernández Cabana

“Iamos a escola e tamén empezamos a coser en Lorentín miña prima máis eu. Logo a que nos aprendeu marchou e nós buscámonos a vida. Entre os quilómetros e o frío… Moito camiñamos. Nós eramos noviñas, 14 anos teríamos. Non é que eu o diga, pero daquela eramos as mellores costureiras de por aquí. Había unha familia podente á que nós lle cosiamos, pero despois eles dicían que ían a Lugo facer a roupa. Debíalles dar vergoña que dúas mulleres dunha casa pobre lles fixeramos os vestidos.”

Copia de DSC_0140.jpg

Concepción Fernández Cabana

“Ía a todos os lados, e coa maquiniña na cabeza, eh! Faciamos unha rolliña e despois todas nun tallo cosendo. A min gustábame moito facer os ojales, facíaos moi ben feitiños. Pasabámolo bomba, agora pasarán outras cousas, pero nós eramos as bombeiras de rirnos, de comer aínda que fora un caldiño e as castañas ou o que houbera. Contabamos cousiñas de todo corazón. Eramos as artistas, á broma hasta cosendo ca ama, ata que dicía: ‘Non, agora seriamente, eh’. Entonces poñiámonos todas picando menudiño, poñendo o dedal ben posto. Eu ía coser desde os 12 anos, aos 20 casei. El era un sastriño, e eu unha costureiriña. Eu mirábao a el e el mirábame a min. Despois fixemos a casa e puxemos o taller, e todos querían vir facer o traxe onda o Belouchada.”

costureiraspcoucheiro-2.jpg

María Divina Fernández Quintá

“Comecei en Casa de Naia. Tería 14 ou 15 anos, por aí andaría cando aprendín a coser. Foi mentras estiven solteira. Despois xa marchei para Vigo e parei. Tamén iamos a Fente, a Graña, a Amoexa... miña irmán Visita máis eu. Ás veces quedabamos nas casas, sobre todo se había mal tempo. Non era o mesmo coser na casa da xente que na propia. Se o facíamos na casa, facíamos ao noso xeito e cobrábase distinto. Na casa dos outros cobrábase máis ou menos quince pesetas. Guapas non eramos, pero cosiamos.”

Ermitas.jpg

Ermitas García Coto

“Eu empecei polas casas cunha que sabía, polas portas, facendo cousas, calzoncillos que era o que se facía daquelas, refaixos, delantares… Despois viñen para Antas, onde unha señora que se chamaba Carmen e logo coa Dina de San Martiño puxémonos solas, en Antas cosendo. Caseime e fun para Bilbao, tamén cosín algo aló e despois cosimos algo en Nugallás, da xente que viña onda min. Pero a cousa non ía nada ben e fúmonos para Puigcerdá, na fronteira de Francia. Alí tamén cosín, para os franceses, para unha tenda. Tiña moito traballo. Traballei sempre e a veces traballa dentro e máis fora. Agora pouco fago, súbolle a un pantalón, a un vestido… Cousas así porque vouche facer 87 anos para o mes que ven, así que mira. Andamos dun lado para outro e traballamos sempre.”

Copia de Lola García.jpg

Dolores García García

“Empecei de moi pequena, cando saín do colexio porque non me podían estudar. Eu quería facer algo e fun aprender cunha modista do pobo, foi moi bonito e pasabámolo moi ben. Estiven un par de anos, e despois empecei a coser pola miña conta. Naqueles tempos había pouco diñeiro e pouca cousa e a miña cabeza quería espabilar máis, e marchei a Barcelona onde seguín cosendo. Empecei nunha fábrica-taller e despois pola tarde, xa pola miña conta, tiña un piso e puxen nunha habitación un taller e cosía para moitas casas. Pasei toda a miña vida cosendo, se che gusta unha cousa non é traballo e coser gustoume toda a vida.”

Copia de Costureira Felicidad II Foto PCoucheiro.jpg

Felicidad García Varela

“A miña mellor mestra foi de Cuba. A min gustábame aquilo, porque eu facía mundo. A costura permitiume facer mundo! Facía suxeitadores e calzóns… Os calzóns eran complicados, había que saber aproveitar a tela ben! Non eran as pezas coas que máis gañabas pero había que ter mau. Conservo os vestidos, sonche bonitos… Moitos fixen. Quedaba nas casas de familiares moitas veces. Outras veces viña ás tantas.”

Copia de Retrato Emelina.jpg

Emelina Gómez García

“Me vino a la cabeza sacar el título de corte y confección, y me vine unos meses para Lugo. Cuando a la profesora le parecía que ya sabía, me decía: 'Bueno, ahora vas a preparar lo que hay que mandar a Barcelona'. Todo eso había que meterlo en una maleta y mandarlo a Barcelona para que lo vieran. A mí me pusieron un sobresaliente. Al casarme me vine para Avilés y yo cosía en casa lo que me traían. Pero a veces no traían tela suficiente, y a lo mejor elegían un modelo que no les podía hacer, ya que solo les llegaba para un vestido normal. Entonces como costurera no podías lucirte al no incluírle un drapeado o un recogido.”

Copia de Costureira Celia Foto PCoucheiro.jpg

María Celia Gómez Fente

“Nunca estabamos no mesmo sitio. Unhas veces iamos para A Agüela, outras veces para O Cebreiro… todos estos sitios de arredor. A señora que andaba conmigo era de Amoexa, era Filomena de Viloíde. Meus pais querían mandar a alguén a coser e mandáronme a min.  Puxeron confianza en min. Todo o mundo andaba con compañía, ningunha costureira andaba soa. Cando me casei eu, o meu home tamén era carpinteiro e andabamos os dous moito tempo fóra.  Entón el díxome que era mellor que largara porque aquilo non era vida tampouco. Cosiamos toda noite cun candil e faciamos toda a roupa no enterro. E aínda vía mellor a escuras daquela do que vexo hoxe con luz. Faciamos faldas, mandilóns... Facía uns suxeitadores preciosos: rosas, beige, de ‘percal’… O lienzo era máis gordo pero o ‘percal’ era máis fino e ía mellor para interior.”

Copia de Livia.jpg

Livia Gómez Ferreiro

“Tiña seis aniños e poñíanme a facer ojales, e a pasar puntos floxos… Con seis aniños! Bueno, facíaos como os facía… Tú que crees! Despois si que traballei cosendo para fóra en Calitex, facendo arreglos, cortinas, estores, batas, camisóns… Todo dedicado á costura. E na casa eu para fóra o que máis cosín foi facendo os traxes tradicionais. Agora fágolles a roupa toda ás miñas netas. Saco as ideas de revistas, mándame unha foto por teléfono do que queren, saco cousas que nunca fixen por algún libro… Non o dou deixado, para min a veces é unha terapia.”

Copia de Alicia.jpg

Alicia Gómez Ferreiro

“Daquelas estudiar non se iba, e tiñas que aprender un oficio. Cosemos por gusto e por necesidad, porque  se necesitaba facelo. [...] O de levar a máquina na cabeza agora cóntalo e os máis novos din: ‘Será certo?’. E antes andábase, porque non había outra maneira. Algunhas veces facíanos falta un tubo de fío e tiñamos que marchar andando a Palas compralo á mercería, ou unha cremallera, ou dous botóns. E despois volver outra vez. É moi ben acordarse das cousas vellas para que non se olviden… Eu a veces penso, que co papá e coa mamá aínda falábamos así de cousas de antes, pero se os tivera agora aínda lles había preguntar moito máis”.

Copia de Marisa 2.jpg

Marisa Gómez Ferreiro

“Sin coser eu creo que non pasei ningún día, e aínda agora. As miñas fillas dinme que deixo os alfileres tirados, pero aínda nunca un alfiler matou a ninguién.  Antes andábase cos alfileres e coas agullas sin medo ningún. Ás miñas fillas dígolles: ‘Vamos a ver, non sabedes poñer un botón’. Téñenlle medo ás agullas. Tamén ves unha peza de roupa feita de antes e feita de agora e cambia, porque antes facías un vestido e non podía levar unha arruga, na bastilla nin en lado ningún. Deixábaselle un trozo, pensábase se hai que arreglalo, por se o querías máis largo ou máis corto. Era pensar máis ca agora.”

Copia de Retrato Carmela.jpg

María del Carmen Guerra Vázquez

“Eu empecei a coser… Uf, non me acordo! Era moi pequeniña e miña nai tiña unha máquina antiga de pé, pero non me deixaba coser. Entón cando ela marchaba da casa eu metíalle unha caña á máquina… Como miñas tías tiñan unha tenda de teas eu collía cachiños para facerlle roupa ás bonecas. Despois seguín cosendo, facíame roupa para ir ás festas e moitas veces ía sen rematar por dentro [ri]. Tamén fixen un curso a distancia por correspondencia para aprender o corte. Facía cousas para min mentres atendía a granxa da casa e incluso cheguei a dedicarme un tempo a facer roupa a medida, pero non lle podías sacar rendibilidade aos patróns e economicamente non compensaba. Ao final, co paso do tempo, rematei por abrir en Palas unha tenda de roupa no sitio no que a tiveran antes miñas tías. Alí xa me dedicaba a facer arreglos, aínda que se tiña tempo facía ‘modelitos’ deses que me gustaba a min poñerlles toda a imaxinación do mundo e mezclábaos cos outros.”

Copia de Costureira Marisol Foto PCoucheiro.jpg

Marisol Iglesias Gómez

“Había unha escola de corte moi boa en Lalín, e decíanme que se quería estaba moi ben, pero despois as cousas torcéronse. Igualmente acabei na costura, nun taller en Chantada. Empecei parafinando. Non ía chegar e coser! Viñan uns conos moi grandes de Terrasa, había que poñelos nunha máquina e parafinabamos a lana, ía máis limpa. Ao pasar uns cantos meses o xefe xa me dixo que me vía que tiña moita maña e que me quería aprender a remallar. E remallei dende aquela, na remalladora. Tamén facía algúns cortes. Pero a remalladora foi sempre o meu. Había que meter ben os puntiños… Se ma poñen na man, aínda o fago agora!”

Copia de Copia de Costureira Norma Foto PCoucheiro.jpg

Norma López Vázquez

“A min a costura xa me chamara a atención, pero eu non fun costureira ata que emigrei a Venezuela. Alí traballei dende a casa para unha empresa, respondendo a patróns. Víñache todo cortadiño e eu soamente: ra, ra ra… Pero despois parecíame que podía coser mellor e fun seis meses a un curso de confección e costura, a Caracas. Teño moitas pezas feitas por min, agora doulle ao ganchillo e fixen tapetes, carteiras, bolsos… As maus non me paran quietas.”

Copia de Mercedes de Feás 4.jpg

Mercedes Miguélez García

“Tiña dezaseis anos cando empecei a ir polas casas adiante. Foi cando morreu o papá, que en paz descanse, para ganar uns cartiños para a casa, que daquela non había… Cobrábase por día, e eu empecei a cobrar quince pesetas. Non é que fora moito, pero para daquelas eran uns catiños que viñan. Despois ó andar polas casas de fóra tamén levabas grandes apuros, porque había vergonza e non se pedía nin auga para lavar as maus. Para min foi un alivio non volver polas portas. Despois era como había o refrán: ‘Na casa do pobre que dá o que ten, puntada pequena e amarrala ben; na casa do rico que fai mala vida, puntada larga e acabar axiña’. [...] A máquina aínda a teño, leva moitos anos comigo e téñolle cariño porque con ela son os primeiros cartos que puiden ganar.”

Copia de Retrato Ánxela.jpg

Ánxela Pardo Vázquez

“O meu proceso creativo baséase na reciclaxe de telas. Vou a mercadillos coma o de Frigsa a recoller as teas que quedan alí tiradas. Tamén uso prendas miñas ou que me dan outras persoas e que están en desuso. Con elas case sempre fago sombreiros, e incluso moita desa roupa utilízoa directamente, porque hai prendas que están perfectas. Despois tamén as uso para escenografías. Podes darlle miles de usos ás prendas recicladas.”

Copia de Costureira Otilia II Foto PCoucheiro.jpg

Otilia Ouro Buján

“Acórdome ben. Tiven que marchar da casa de meus pais coa máquina na cabeza a dous quilómetros, a Santaballa e a Laia. A todo os sitios, Villaramil, Penela, Filgeuria… Coa maquiniña na cabeza. O meu pai moi ben facía os zocos. Facíannos falta! E o primeiro que me traen para facer, foi… as sábanas veñen dunha tira do telar, hai que cortalas según a queira e logo unilas cosendo cun fío de liño e unha agulla gorda. E eu pensei: 'Empézache ben a cousa'. Faciamos camisas para os homes, calzóns, bragas…E remendar! Unha prenda vella, había que volvela nova. Unha vez, moito medo pasamos. Andaban dous home ao grau negro (dentón) e facían ruído coa báscula de pesar. Nós viñamos dunha casa, era noite e botamos a correr. Acordei moi malos tempos.”

Copia de Hilda B&N.jpg

Hilda Payo Buján

“Eu aprendín a coser para min, non fun coser para nadie máis. Pero cando marchei para Inglaterra busquei traballo deso, e podía coser na casa e máis cuidaba a nena. Era moi boíña e deixábame traballar, e así estaba con ela. Foi unha época moi bonita, de coserche así. E vestidos preciosos si que cosín, de tirantiños, aveuladiños… Pagábanmos ben porque eran para un diseñador que se cadra vendíaos por 200 mil pesetas ó cambio. Era moi agradable, chamábase Bruce Oldfield. Había que coser moi ben, e eu se tiña que desfacer unha cousa desfacíaa, pero non me valía o corpo pra mandar unha cousa mal. Así que mira, o de coser valeu unha vida. Agora é unha pena que non aprende nadie, e o día que se acaben as que saben… que?”

Copia de Benita (32).jpg

Benita Rodríguez Rodríguez

“Non sei de que fun feita... de pedra! Era costureira. Bordaba a máquina e cosía nos momentiños que podía. Despois tiñamos vacas e había que ir ao campo traballar. Era así, a vida. Daquela era algo complementario, cando podía aos poucos. Ao mellor en canto viñamos do traballo na miña casa durmían unha siestiña e eu ía ao meu. E na noite, mentres elas ían muxir as vacas ou así, eu cosía coa luz de carburo.”

Copia de Lola Serén B&N 3.jpg

Lola Serén Seijas

“Facíanse vestidos para as mulleres, para os homes camisas, calzoncillos, roupiña para os nenos... De todo. E remendar, remendar tamén. Cambiábaselle o cuello ás camisas e quedaban novas, e nas rodillas dos pantalóns poñíanse os mendos que aínda non se conocían. Daquelas arreglábase todo. Hoxe xa se tira, pero daquela non. Agora atopo todo diferente, eso dos mendos quedoume a min na cabeza. E despois non seguín o oficio porque tiña que traballar na casa. E tíñao aprendido, deume pena. Pero en canto tiven as nenas pequenas fíxenlles os vestidos todos. Así que coser cosinche, pero o oficio... o oficio derrameino.”

costureiraspcoucheiro-2.jpg

Oliva Varela Varela

“Empecei a coser eu sola aos catorce anos. A ama que me aprendeu a min estiven pouco con ela, púxenme eu sola moi pronto. A máquina era dela pero para coser era miña. E dicíame: 'Imposible que deras cosido eso'. Eu nunca cosín por patrón, todo a ollo. A ama quedou tonta ao verme coser. Ata me viñeron buscar para ir coser a Vilasión! Aínda non sei nin onde é. Cosía en Burdallos, en Palas na maioría das casas. Cosía aquí en Albá, en Santo Xusto… Unha vez en Burdallos pagáronme cun rancho! O amo quería vendelos para pagarme, pero non llos compraban! E intentei traelo para aquí, pero o rancho berraba moito e a min dábame vergoña. Cansábame e botábao andar e eu detrás do rabo! Jaaaa… Logo, fun trinta anos coser para onda Pardo, marchaba os luns e volvía os sábados. Moito lle quero a esa casa. Para min, a familia Pardo, todos eles, síntoos como da familia.”

Copia de Nelita (26).png

María Neli Azucena Vázquez Vázquez

“Comecei sendo costureira e acabei sendo modista. Como eramos tantos irmaus e non había outros medios, puxéronnos a aprender oficios. Eu entrei como costureira, ía cunha señora polas casas con trece anos. Contábamos contos, riámonos e pasabámolo moi ben. Despois fun facer o corte a Taboada e cada vez que tiña un rato libre eu abría o meu libro de corte e poñíame a facer patronciños. Despois xa ía de casa en casa pola miña conta, tratábannos con moito mimo. Medrei traballando, que bonito cando chegabas con algo de carto no bolsilliño da saia, gardabámolos con ilusión. Cando casei marchamos para Barcelona, o meu marido era xastre e eu modista e sempre traballamos para a alta costura de señora. Tiña que ir todo perfecto, e nunca nos devolveron unha prenda, iso era un orgullo. Faciamos equipo, el era máis pulido, eu era máis batallona”.

Copia de Copia de Costureira Pura Foto PCoucheiro.jpg

María Purificación Vázquez Senra

“Aprendín con doce anos, en Casa de Naia, coa Maruja do Miguel. Estiven algún tempo e logo xa ía soa. Traballei por Santiso, Vilanuñe, Arada, Monterroso, Seteigrexas… E traballei ata fai pouco, ata os 65, sempre polas casas. Durmía na casa onde cosía, a non ser que fora cerca. Acostumeime moi ben. Gustábame moito e aprendín con moito afán. Parecíame que, se non aprendía, non me ía ben. Gustábame. Agora... xa non haberá nunca máis costureiras?”

Copia de Retrato Amparo.jpg

Mª Amparo Viña Varela

“Coa cooperativa de Palas nun principio traballábamos para Zara. Traíannos a roupa cortada e mandábannolo fío. Pero despois de facer as prendas descontábanche o fío do que che pagaban por elas. Despois Zara empezou a mandar a roupa a coser fóra e as cooperativas empezaron a ir daquela maneira. Nós aínda botamos unha temporada traballando para Caramelo, e despois para unha de Lalín. Despois puxen o meu propio taller de costura na casa, e aquí sigo.”

2DSC_0796.jpg

Alicia González Rodríguez e María del Mar Abelairas Guerreiro

“A cooperativa chamábase O Novelo. Era coma unha cadena: unha montaba, outra remallaba, unha por dentro, outra por fóra… Se faltaba unha xa impedía que saíse a produción, iamos máis lentas. Gañabamos moitos cartos alí, pero non porque pagaran ben, é que facíamos moitas horas. Temos estado ata as dúas da mañá, ou máis, iso non o quero recordar. Despois ao mellor librabas tres días. Para a maioría era entendible porque eran novas, non tiñan fillos, nin moitas ataduras. Para outras non, porque conciliar así é imposible. Por iso botabamos horas debatendo arredor dunha mesa. Acórdome desa imaxe das reunións tan largas que faciamos. Pero xeralmente había ‘guasa’. Algunha contaba unha historia, ao mellor era a de diante, ou a de detrás, pero enterabámonos o resto e ao mellor botabamos dez minutos que riamos todas.”

bottom of page