top of page

Que forma
parte de CORCOSENDO

PERFORMANCE
de Elena Salgueiro

Esta é unha performance etnográfica sobre o traballo da costura feito por mulleres, a partires das historias recollidas en entrevistas feitas na Ulloa. Fiando a tradición folklórica coa medieval, a escritura e a música, o tecido e o texto, a voz e o corazón. Estreada na Igrexa medieval de Vilar de Donas o 23 de decembro do 2023.

presentacion_corcosendo_vilardedonas2cor

VIDEO CREACIÓN
de Xabier Mailán

AS MANS NÚAS DE QUEN NOS VESTIU

 

Cando só posuímos o recordo como símbolo da existencia, a memoria trata de manterse fiel á obxectividade e á certeza factual, aínda que é moi difícil reducir a subxectividade e escapar da nostalxia que acompaña a perda. A monumentalidade da experiencia vital podería reducirse á constante: tempo que pasa, ata chegar á nada. E nada queda -ou moi pouco- dalgunhas formas de acompasarse en xeitosa e bela danza a ese tempo que pasa.

 

O oficio da costura antiga artesá, individual, próxima, e desposuída en gran medida dos embistes superfluos e pretenciosos da Moda, exercíase nas nosas terras ulloanas de xeito laborioso e metódico como case todas as tarefas daquelas épocas precapitalistas. Oficios e mesteres imbricados na a mítica tarefa da subsistencia digna diaria tratando de manter os modos óptimos de conexión naturais e a atenuación dos rigores propios da existencia en directa confrontación de igual a igual coa realidade. Palabras maiores.

 

Propónseme o achegamento imagosónico creativo -desde este agora acomodado impregnado de nebulosa frivolidade artística- e abúrame desde o primeiro momento unha posición respectuosa de distancia e recoñecemento. De homenaxe e agradecemento. E penso nas mans que traballaron con frío, as mans mozas que aprenderon xoguetonas habilidades, as mans núas de quen nos vestiu. Esas mans que, tamén espero escriben estas liiñas, confrontan con tenacidade sublime o tempo que pasa.

 

A oportunidade emocióname e preocúpame a responsabilidade. Todas as mans claro, pero amosar, intuír na miña mirada elaborada -que solicita axiña a presenza da visión do corazón- esas únicas mans que conscientes do seu poder escollen o aloumiño, co que chegar da maneira más sincera e entregada ao outro. Esas que hoxe pretendo que sexan as miñas, coas que lograr crear tempo que queda.

fotograma as mans nuas_edited.jpg

LIBRO

LIMIAR DE ANA PÉREZ VALDÉS / Modista, investigadora e doutora en Arte Contemporáneo

Ata non fai moito, as labores téxtiles foron das poucas experiencias sensibles e creativas ás que as mulleres se lles permitiu acceder. As pezas de vestir e a roupa do fogar –o enxoval– foron as únicas propiedades recoñecidas das mulleres e as únicas que puideron deixar en herdanza ás súas fillas. Con todo, a roupa confeccionada no ámbito doméstico, aquela feita polas mulleres para sí mesmas, para as súas familias, amigas e veciñas, foi relegada por pezas de manufactura industrial. E neste feito ten moito que ver a percepción do seu valor. A optimización do tempo e o diñeiro priman sobre calquera outro aspecto, e así, os saberes tradicionais percíbense como gastos que deben ser eliminados. O bordado a man, o gancho e outras tarefas laboriosas que requiren acougo convértense nunha resistencia contra os tempos acelerados e as esixencias do sistema capitalista.

LIMIAR DE OLGA NOVO / Poeta e ensaísta

Miro agora a miña nai aos seus 80 anos na súa máquina Singer, pousando a man sobre a roda. Quizais recorde como coseu o seu propio vestido de noiva sesenta anos atrás, de veludo negro porque inda o branco era para as fillas de casa rica e ela non…

A noite antes da voda estiveron ela e a súa irmá Amparo, a costureiriña bonita de Saa, dándolle as últimas puntadas ao traxe, caladas, porque sabían que a súa íntima unión fraterna remataría ao día seguinte cando miña nai marchase á súa nova casa de casadiña nova. Sabían que quizais na vida non todo sería coser e cantar pero que se facían ambas cousas a ledicia sería sempre dobre.

VodA PAIS_edited.jpg

ARTE TÉXTIL
de Verónica Ramilo

Verónica Ramilo Graña é filla de costureira, fotógrafa e artista textil. Intervén os trinta e sete retratos das costureiras participantes no proxecto tendo en conta as biografías e anécdotas explicadas polas elas, para integrar o universo da costura na arte textil. Emprega diferentes técnicas como o bordado ou a costura de tecidos ou patróns na propia fotografía e reutilizará material de costura do taller da súa nai.

arte textil_edited.jpg

MÚSICA
de Zoelas

A costura como eixe que vertebra moitas vidas. O esquelete, sen tan

sequera pel, dunha man que tece paseniño, que grava cun fío invisible

as eivas dun século escuro para a muller. Corcosendo é un tema que nace querendo achegarse a esa man que repara, que crea, que cose e corcose. E faino a través da música. Ese código ateigado de verdade na cronoloxía.

 

Descubrimos, buscando entre letras e coplas tradicionais nas cantigas

de transmisión oral, que a costureira foi aldraxada polo estigma que

envolvía a este quefacer. Un traballo pouco útil, nada digno. Un traballo doado. Mentres outras “sachan o millo, ti coa agulla na man”.

 

Achegarse a ese rachón infindo de prexuízo dende a mirada actual de

Zoelas, significa apertar con música a todas as costureiras que sentaron

base da emancipación feminina. Significou tamén crear, con toda esa verdade, un tema que formará parte do novo espectáculo de Zoelas: Des(a)fiada.

 

Fío e desafío para falar precisamente disto. Do papel que á muller lle

tocou vivir dende o lado do silencio incómodo. Máis alá deste estigma, Corcosendo recolle unha idea fundamental nas últimas coplas: o empoderamento das costureiras. Por(fiar) epermanecer ao marxe dos que marmuran. E rir ata diso que, no momento, era intocable: do “amor”.

 

“Queridiña, cose cosendo

E a agulla, vaina seguindo

Que así fai, a boa dama

Que do amor se vai rindo”

presentacion_corcosendo_vilardedonas4b&n-10_edited.jpg

APLICACIÓN MÓBIL
da Coop. Indaga en colaboración co Colectivo Agrocuir

A aplicación móbil de xeolocalización Arquitecturas da Memoria, desenvolta na Aula das Artes da Universidade Carlos III de Madrid, é unha ferramenta tecnolóxica que permite recopilar voces das persoas que habitan un territorio e poñer á nosa disposición recordos, saberes, cancións ou relatos vinculados a lugares significativos do espazo público. Ofrece un mapa interactivo de memorias colectivas que propón percorrer un itinerario de rúas, prazas e camiños en compañía das voces que as habitaron.

Para Corcosendo a app deseñarase para crear un percorrido polas rúas comerciais do centro de Lugo, poñendo en diálogo o novo imaxinario vinculado á costura e á moda traspasadas polo consumismo e o capitalismo, cos recordos das nosas costureiras. 

5costureiras3idadeantas-18_edited.jpg

ENCONTRO ENTRE COSTUREIRAS
organizado polo Colectivo Agrocuir

O 11 de decembro ten lugar un encontro entre costureiras no Centro Sociocultural de Monterroso. O proxecto Corcosendo exponse como unha oportunidade estupenda para que numerosas mulleres que se dedicaran a este labor na Comarca da Ulloa se atoparan e compartiran recordos, valoracións e sentires ao redor da súa experiencia compartida. Trátase de mulleres de diferentes idades e traxectorias biográficas, pero con moitos puntos en común: o xeito no que aprenderon o seu oficio, os modos nos que traballaban (“porta a porta”, en talleres ou en cooperativas), moitas das ferramentas e técnicas que utilizaban, o importante rol que cumprían para a comunidade na que vivían ou, máis aló, un sentido de pertenza a unha identidade profesional: a de costureiras. Encarnar esta profesión é para moitas hoxe un motivo de auténtico orgullo.

Co fin de promover o encontro e o diálogo, o Colectivo Agrocuir pon en marcha dinámicas participativas baseadas en xogos e experiencias sensoriais, servíndose de fotografías, obxectos e sons que rodean a actividade das costureiras. E, por suposto, non podían faltar uns petiscos cos que adozar a tarde.

encontro_edited.jpg
bottom of page